Curtis Natureza en estado puro; o seu territorio forma parte da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”. Destacan lugares como a Cova da Serpe, o monte Enxameado ou os cruceiros de Vilasantar e Laxe. Tamén conta con importantes mercados tradicionais de produtos agrícolas e gando. |
Cando o viaxeiro pon rumbo cara Galicia, Santiago é un deses destinos que non pode deixar pasar. A cidade, Patrimonio da Humanidade da Unesco desde 1985, conta cunha das zonas históricas máis importantes do mundo. Son imprescindibles as visitas á Catedral e o Pórtico da Gloria, así como ás prazas emblemáticas do Obradoiro, a Quintana e o Toural. Ademais, o visitante ten ducias de igrexas, conventos e pazos de todos os estilos, desde románico ata barroco ou gótico. |
Pasear por Compostela, perderse nas calellas e atopar, de súpeto, unha maxestosa praza, un mosteiro ou mesmo unha solemne facultade, é unha experiencia única que nos invita a viaxar no tempo e confundirnos entre os peregrinos, compartindo con eles a emoción de pisar, por vez primeira, a praza do Obradoiro e deixar voar a vista e o espírito ante un dos templos máis importantes da historia da humanidade. |
Outro dos espectáculos que non se pode perder é a vista de Compostela que teñen os paxaros, que se consegue subindo ás cubertas da Catedral, e que xa recomendaba o Codex Calixtinus hai nove séculos. |
O mellor xeito de chegar a Compostela, desde hai xa dez séculos, é percorrer o Camiño de Santiago, unha das rutas de peregrinaxe máis coñecidas e practicadas de todo o mundo. Máis de 300.000 persoas ao ano utilizan a ruta máis antiga de Europa para darlle a tradicional aperta ao apóstolo. |
A ruta máis coñecida é a que parte de Roncesvalles, en Navarra, o Camiño Francés. O seu tramo galego iníciase no Cebreiro, unha fermosa aldea de orixe prehistórica, e chega a Santiago polo monte do Gozo, punto álxido do Camiño desde o que se divisa a Catedral por primeira vez. |
Entre os itinerarios xacobeos acadan cada vez máis pulo outras vías históricas como o Camiño Portugués e o Camiño do Sudeste-Vía da Prata, que conectan os veciños lusos e Andalucía con Galicia. Recuperouse tamén o Camiño Primitivo, moi frecuentado durante o Medievo, xunto co Camiño do Norte, polo que chegan viaxeiros de toda Europa, menos os ingleses que teñen a súa propia ruta, o Camiño Inglés, que se inicia tanto na Coruña como en Ferrol. Os itinerarios acuáticos están presentes tamén na ruta do Mar de Arousa e río Ulla. E para completar a experiencia, tamén se pode optar pola única ruta que ten Santiago como punto de partida e un inmellorable punto final: o Camiño Fisterra-Muxía. |
O patrimonio artístico e cultural das Terras de Santiago é dun valor incalculable. Ademais de todas as igrexas vinculadas ao Camiño, existen importantes conxuntos de arquitectura relixiosa como o mosteiro de Santa María de Sobrado, e de edificación civil, que nos leva aos tempos do esplendor das grandes familias, como os pazos de Faramello, en Rois, e Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra. |
Estas terras ofrecen tamén numerosas mostras megalíticas como o castro de Socastro en Rois, con vellas lendas de tesouros agochados, ou a Pedra do Home, en Val do Dubra, un antigo cemiterio que segue o rito cristián. Na arquitectura funeraria destacan o famoso dolmen de Cabaleiros en Tordoia, que permanece nun excelente estado de conservación, e os petróglifos de San Xoán da Riba na Baña. |
Os visitantes que queiran percorrer aldeas con encanto están no destino correcto; aquí atoparán espalladas por toda a súa extensión casas de pedra cos seus hórreos típicos, entre as que figuran Angueira de Castro en Rois ou Furelos en Melide. |
· MUSEOS: Históricos, gastronómicos, etnográficos, relixiosos, artísticos... En Compostela e a súas comarcas chama a atención a oferta museística non só da capital, senón tamén de toda a súa contorna. Os museos da Catedral e das Peregrinacións son os dous imprescindibles para comprender a transcendencia do Camiño e da historia dun dos templos máis visitados do mundo. Os galegos máis ilustres descansan no seu panteón do Museo do Pobo Galego, moi preto dunha das principais mostras da arquitectura moderna, o Centro Galego de Arte Contemporánea, deseñado por Álvaro Siza, autor tamén do trazado do precioso parque de Bonaval, tamén nesta zona e que ocupa un antigo cemiterio. Outra visita que non se pode deixar pasar é a Cidade da Cultura, unha impoñente obra de arquitectura contemporánea construída no monte Gaiás. Seguindo pola ruta xacobea atopamos o Museo da Terra de Melide, antigo hospital de peregrinos, que recolle a memoria da historia e cultura da zona. Os costumes e tradicións galegas perviven tamén no Museo do Traxe Juanjo Linares, en Ordes, ou no da Pesca, en Vedra. A gastronomía está moi presente en Arzúa, con dous interesantes propostas: o museo Vivinte do Mel e o Centro de divulgación do Queixo e do Mel. Dedicados á interpretación da natureza figuran o centro do Pico Sacro, en Boqueixón, o do río Ulla ou o da Terra do Xallas. O tributo ás nosas letras atopa os seus grandes expoñentes na Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón, e tamén nesta localidade a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dedicada á figura e obra do Nobel galego. |
• Nosa Señora de Lourdes: el 30-31 de agosto. |
• Nosa Señora dos Remedios: en Teixeiro, el 8-9 de septiembre. |
• Romería de Cova de Vales: el primer domingo de julio. |
• FESTAS E FEIRAS: Compostela é unha cidade festeira, con romarías como a da Ascensión, que enche de artesanía, música, gastronomía e entretemento rúas e prazas. Pero, sen dúbida, as de maior pegada son as festas en torno ao día de Santiago, o 25 de xullo. Durante ese mes, Compostela bate marcas de afluencia, que culminan nos tradicionais fogos do Apóstolo diante da fachada da Catedral, especialmente impoñentes cando coincide co Ano Santo. |
En Terras de Santiago destacan tamén pola súa singularidade o Entroido dos Xenerais da Ulla. Esta festa declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013, escenifica os combates entre os Xenerais da Guerra de Independencia mediante coplas rimadas. |
• GASTRONOMÍA: Se o patrimonio cultural é amplo, a oferta gastronómica nas Terras de Santiago aínda o é máis. Os amantes da boa mesa poden probar moitos produtos típicos, como a famosa torta de Santiago, o polbo de Melide, o queixo Arzúa-Ulloa, a augardente de Vedra, as filloas de Lestedo, as troitas de Oroso, os champiñóns de Ordes, o pemento de Herbón, o galo piñeiro do Pino... Case todas estas delicias teñen asociadas a súa propia festa gastronómica, algunhas delas de interese turístico, xunto con outras importantes como a Exaltación do Viño da Ulla en Vedra, a Festa do Melindre en Melide, a do Carneiro ao Espeto en San Xulián de Sales (Vedra) ou a do cochiño en Cerceda. |
As paisaxes fluviais son o gran tesouro do interior destas terras, onde os ríos, o Tambre e o Ulla, xeran uns ecosistemas únicos. Estes ríos son coñecidos polas súas troitas, escalos e salmóns, e contan cunhas estupendas praias fluviais e áreas recreativas. O río Tambre ten un dos seus puntos máis impresionantes na ponte Maceira, entre Ames e Negreira. Esta gran ponte de pedra, do século XIII, e o conxunto monumental formado polo poboado primitivo, rodéanse dunha frondosa vexetación e dos saltos de auga do río nunha das imaxes máis fotografadas da comarca por turistas e peregrinos. Como puntos de referencia paisaxística e natural atopamos tamén a carballeira da Mota, en Arzúa, onde os pais plantaban os carballos pola crenza de que así os seus fillos librarían do servizo militar. Xa en Touro, o sobreiral do Ulla é un bosque cheo de árbores centenarias que compite en riqueza paisaxística con fervenzas como as do Inferniño ou Salto das Pombas, na mesma localidade, así como as das Hortas, en Arzúa e Ínsua, en Val do Dubra. |
Agochadas entre os bosques de ribeira, as augas caídas das fervenzas e os impresionantes miradoiros consérvanse os mitos e lendas como o do impresionante Pico Sacro, en Boqueixón. Alí a Raíña Lupa mandou construír un sepulcro para o Apóstolo, sen saber que no lugar estaba a cova do Inferno, onde vivía un dragón. Os miradoiros da Pena ou Coto de San Sebastián, en Touro, e o do Picoto, no Val do Dubra, son outras atalaias perfectas para contemplar o esplendor da paisaxe do corazón de Galicia. |